Skip to main content

ASOCIACIÓN DE ENTIDADES CULTURAIS E DEPORTIVAS DE GALICIA

O ateísmo aparece máis ben nos beizos que no corazón do home.

— Bacon

Club de lectura Brigantium

Distribuir contido
Actualizado: fai 7 horas 22 min

Aforismos de Leonardo

Xov, 23/11/2017 - 01:22
306.- E así poderiamos falar de moitos outros trazos.

Inicio de A GRANXA EXPERIMENTAL

Mér, 22/11/2017 - 01:31
A GRANXA EXPERIMENTAL
Francisco Lezcano Lezcano

O taxi elevouse para evitar o gran edificio de Laser-Comunicación.
Thork e Sthark miraron cara abaixo. Comprobaron que se desviaran un pouco da ruta. Thork indicou en alta voz a dirección exacta que desexaba tomar. O auto-antigravedade recolleu a orde. No centro da cidade o cerebro electrónico encargado do control cibernético recibiu o desexo dos clientes. Ao instante corrixiu a anomalía e transmitiu a rectificación ao taxi que, acelerando a súa carreira, partiu cara ao seu destino exacto.
Thork e Sthark admiraron esta precisión. Recoñecían que a liña de transportes era perfecta.
...

A Coruña en sepia

Mar, 21/11/2017 - 01:11




Inicio de A CHARANGA DO TEMPO

Lun, 20/11/2017 - 01:29
A CHARANGA DO TEMPO
Alejandro Dolina

Un intre antes de admitir a falsidade dun milagre, os Homes Sabios comprácense en sinalar o carácter metafórico do prodixio.

Agora ben, un milagre é a negación dunha metáfora. Cando dicimos que un home voa milagrosamente estamos a anular toda referencia á poesía, á liberdade ou á independencia de costumes.

A explicación metafórica é unha covardía propia de quen non se atreven nin á fe nin á incredulidade. Os feitos milagrosos que a continuación narraremos deben ser reputados verdadeiros ou falsos, pero non símbolos doutros feitos. Poderá obxectarse que non existe no universo obxecto algún que non sexa un símbolo, nin ditame que non gambetee a refutación presumindo de metafórico. En tal caso poderemos dicir que a obxección mesma é simbólica.

Os veciños de Flores adoitan falar do Barrio Maldito. Ao parecer, é un distrito de mala sorte onde sempre ocorre o desatinado e horrible. Personaxes monstruosos garanten a perfección das desgrazas: hai alí bruxas, demos, ogros, dragóns, basiliscos e quimeras.

Asegúrase que ninguén sae vivo.

...

Carteis do xogo

Dom, 19/11/2017 - 00:30
O xogo vai avanzando, pasiño a pasiño, cara a súa presentación no mes de Nadal. Grazas ao noso ilustrador o xogo vai quedando cun aspecto moi profesional, e os carteis que o anuncian non son menos vistosos.
Este que mostramos é un deles.

Fervenza do Ezaro

Sáb, 18/11/2017 - 00:30
O Cadoiro ou fervenza do Ézaro é unha fervenza que forma o río Xallas na súa desembocadura ao mar na enseada do Ézaro en Santa Uxía do Ézaro, parroquia do concello de Dumbría. É a única fervenza en Europa que desemboca directamente no océano.

No último treito do río Xallas o desnivel é de 155 metros, e a auga precipítase a 40 metros de altura monte abaixo até se esmagar con virulencia contra as paredes pétreas do canón que a propia auga arou ao cabo de millóns de anos a través do monte Pindo (630 metros de altitude) despois de ducias de metros de caída libre no punto coñecido coma Cadoiro do Xallas ou do Pindo (unha poza de máis de 20 m de fondo), pronunciado na voz popular como Coaduiro desde os tempos de frei Martín Sarmiento, malia que en tempos máis recentes fose rebautizada coma Fervenza do Ézaro. Estudosos de todo o mundo
percorrían milleiros de quilómetros na procura deste espectáculo único da natureza.

Textos de 1724 falan xa da fervenza, describíndoa coma unha enorme fumeira que podía ser ollada dende varios quilómetros mar a dentro.

A zona ten unha paisaxe impoñente de gran valor ecolóxico. A fervenza está rodeada de espectaculares microformas graníticas que forma o monte Pindo, coma a Pedra do Brazal, un milagre de equilibrio natural. Ademais conta con paraxes cun gran valor ecolóxico.

O caudal do Xallas mantense constante por causa dos numerosos encoros que nel se teñen construído. En 1897, a Sociedade Española de Carburos Metálicos, hoxe parte do grupo FerroAtlántica, asentouse na zona e daquela datan as primeiras construcións para obter enerxía. O encoro máis importante é o da Fervenza, construído na década dos anos 60 do século XX. En Ponte Olveira hai outra central. Máis abaixo, da presa de Brazal parten as canalizacións cara Ézaro; máis abaixo, atópase o encoro de Santa Uxía, construído na década dos anos 80. Na súa desembocadura están situadas tres centrais hidroeléctricas: Castrelo, Santa Uxía e Pindo, esta última de principios do século XX.

Até 2012 as augas céibanse soamente os domingos do verán ao mediodía. Desde 2006, ampliouse o horario aos sábados á noite, cun espectáculo de luces. Dende 2012 a fervenza pode verse todos os días.

O xabaril branco

Ven, 17/11/2017 - 02:43
Fragmento de O xabaril branco, de Xosé Benito Calvo Rego, nado en La Guaira (Venezuela) o 17 de novembro de 1954, xornalista e escritor galego, coñecido como Tucho Calvo.

MEDO ÓS ARAUCANOS

Cruzaron as xélidas augas do río Negro nun día de intensísimo frío. O vento da cordilleira achegáballe-lo sabor da neve. Moita, moitísima neve, segundo osmaba o Fito, que dese tema podía dar leccións a calquera. Os homes da escolta afirmaban que había máis aló das montañas que marcaban o horizonte un mundo extenso coma un gran mar de xeo, unha xigantesca capa branca que o cubría dende o comezo dos tempos.
...

Aforismos de Leonardo

Xov, 16/11/2017 - 01:20
305.- d) Os que teñen fortemente delineadas engúrralas transversais da fronte, son homes que se lamentan copiosamente en público ou en segredo. 

Inicio de As Moscas

Mér, 15/11/2017 - 01:28
AS MOSCAS   (Antonio Machado)

Vós, as familiares,
inevitables golosas,
vós, moscas vulgares,
evocádesme todas as cousas.

Oh, vellas moscas voraces
como abellas en abril,
vellas moscas pertinaces
sobre a miña calva infantil!

A Coruña en Sepia

Mar, 14/11/2017 - 01:10




Inicio de Os meus e mails

Lun, 13/11/2017 - 14:57
Jaime Bayly - Os meus e mails   

Moita xente escríbeme e mails. Poucos son os afortunados que reciben unha resposta. Encantaríame contestarlles a todos, pero o tempo non mo permite e o meu orgullo tampouco. Ler tantos e mails deixoume unha melancólica conclusión: o papanatismo é universal e non parece estar en vías de extinción.
...

PERO GOTÉRREZ

Dom, 12/11/2017 - 01:06
PERO GOTÉRREZ

Todos dizen que Deus nunca pecou,
mais mortalmente o vej'eu pecar:
ca lhe vej'eu muitos desemparar
seus vassalos, que mui caro comprou;
ca os leixa morrer con grand'amor,
desemparados de ben de senhor;
e ja com'estes min desemparou.

E maior pecado mortal non sei
ca o que eu vejo fazer a Deus,
ca desampara os vassalos seus
en mui gran coita d'amor qual eu hei;
e o senhor que acorrer non quer
a seus vassalos, quando lh'é mester,
peca mortal, pois é tan alto Rei.

Todo senhor, demais Rei natural,
dev'os vassalos de mort'a partir
e acorre-lhes, cada que os vir
estar en coita; mais Deus non é tal,
ca os leixa con grand'amor morrer,
e, pero pode, non lhes quer valer:
e assí faz gran pecado mortal

Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes

Sáb, 11/11/2017 - 03:00
O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes é un mosteiro cisterciense situado no concello de Sobrado, na comarca da Terra de Melide.

É posible que fora fundado xa no ano 952, e aparece citado xa en documentos de finais do século X, co nome de San Salvador. A historia dos 150 primeiros anos de vida do Mosteiro non está moi estudiada pero sabemos que a principios do século XII o Mosteiro atopábase abandonado. En 1142 Bernardo de Fontaines, san Bernardo, envía desde Claraval (Francia), de onde era abade, unha comunidade de monxes por petición de Fernando Pérez de Traba e a súa sobriña dona Urraca Vermúdez. Así, o 14 de febreiro de 1142, comeza en Santa María de Sobrado a vida monástica cisterciense.

Durante o resto do século XII e o século XIII o Mosteiro desenvolve unha gran actividade espiritual e económica. Consérvanse a capela funeraria da Magdalena, a sala capitular e algunhas partes soltas. Mais tarde veu unha segunda etapa de decadencia que se detén o ano 1498, ao incorporarse o Mosteiro á Congregación de Castela. O Mosteiro recupera gran parte da súa grandeza; a maioría dos edificios que actualmente se conservan, comezan a construírse a partir desta nova época. A monumental igrexa termínase a finais do século XVII e no ano 1708 consagrouse solemnemente.

Santa María de Sobrado sofre unha terceira etapa de decadencia, culminada en 1834: o 21 de setembro daque ano suprimiuse por real orde o Mosteiro. Ao ano seguinte, 1835, a maior parte dos Mosteiros de España son tamén suprimidos, por unha orde xeral e definitiva de desamortización. O Mosteiro de Santa María de Sobrado, os seus edificios e posesións foron vendidos. Iniciouse unha deterioración progresiva dos edificios que acaban converténdose nunha enorme chea de ruínas e
pedras.

No ano 1954, por encargo do cardeal Quiroga, Arcebispo de Santiago de Compostela, o Mosteiro Cisterciense de Viaceli, situado na localidade de Cóbreces (Cantabria) comeza a enorme tarefa de reconstrución do Mosteiro; e no mes de xullo de 1966 envía unha comunidade de monxes. O 25 de xullo de 1966, solemnidade do apóstolo Santiago, comeza novamente a vida monástica cisterciense no Mosteiro de Santa María de Sobrado.

Mais fotos

Web do Mosteiro

A Irmandade Fusquenlla

Ven, 10/11/2017 - 02:40
A Irmandade Fusquenlla foi unha irmandade formada en 1431 nas terras de Nuno Freire de Andrade, alcumado O Mao, por mor da extrema dureza con que trataba os seu vasalos. Así a revolta nace entre Pontedeume e Betanzos, pero acaba por estenderse a outras comarcas dos bispados de Lugo, Mondoñedo e Santiago. Ao fronte da revolta estaba Roi Xordo, un fidalgo da Coruña ou Ferrol.

Os séculos XIV e XV son dunha gran conflitividade social. Sucédense diversos enfrontamentos protagonizados polos veciños das cidades de Compostela (a irmandade de Roi Sánchez fundada en 1418 rebélase no 1421 contra o bispo), Ourense (en 1419 unha revolta acaba coa morte do bispo), Lugo e Tui contra o señorío episcopal.

No ano 1431 nas terras de Nuno Freire de Andrade, o Mao, e con motivo da visita do infante Henrique de Aragón a Galicia, o Andrade impón unha nova taxa. A reacción dos seus vasalos ante este novo exceso é inmediata: os viláns, capitaneados por Roi Xordo, derruban algunhas casas fortes, viñas e hortas aos Andrade, estendendo despois as súas accións a comarcas enteiras. Así, tras pórlle lume e derrocar parte do castelo de Betanzos, os irmandiños tentan atacar Compostela, onde fuxira Nuno Freire coa familia. Alí as tropas do arcebispo fanlles fronte e deben retirarse. Sabedores do regreso dos Andrade ao castelo de Moeche, os irmandiños marchan cara el para pórlle sitio, pero son derrotados na batalla do Eume.

En principio a revolta irmandiña de 1431, é outro dos varios enfrontamentos entre as “clases medias” e os grandes señores que se dan na etapa de crise baixomedieval. Mais a dimensión que acada a revolta mereceu o título de primeira guerra irmandiña, aínda sen chegar á xeneralización da guerra que se produciu no 1467.

Aforismos de Leonardo

Xov, 09/11/2017 - 00:30
304.- c) Os que teñen moi marcadas as liñas do entrecello son iracundos. 

Inicio de A Casa Croglin

Mér, 08/11/2017 - 01:24
Augustus Hare
A Casa Croglin

O Capitán Fisher tamén nos contou esta extraordinaria historia, conectada coa súa propia familia.

-Fisher, -dixo o capitán, - pode soar un nome moi plebeyo, pero a súa familia é de moi antiga estirpe, e por varios centos de anos posuíron un moi curioso lugar en Cumberland, que tiña o estraño nome de "casa Croglin". A gran característica da casa era que nunca, en ningún período da súa longa existencia houbo máis que un alto, aínda que sempre tivo unha terraza desde a cal grandes terreos se estendían cara a onde había unha igrexa, e desde onde se tiña unha gran vista.
Cando, ao longo dos anos, os Fisher acrecentaron na Casa Croglin a súa fortuna e familia, non quixeron cambiar as características do lugar engadindo outra torre á casa, e marcháronse cara ao sur, para residir en Thorncombe, preto de Guildford, deixando a Casa Croglin.
Os Fisher foron extremadamente afortunados cos seus inquilinos, dous irmáns e unha irmá. Eles escoitaron as súas encomiables palabras acerca de todos os cuartos. Os seus inquilinos veciños eran todos bos e xentiles, déronlles unha gran benvida. Pola súa banda os novos inquilinos víronse moi a gusto na nova residencia. Era como que a Casa Croglin fora feita para eles.

...

Libro A Coruña en sepia

Lun, 06/11/2017 - 18:54
En 2014 a asociación Iniciativas Culturais e Deportivas Universitarias (INCUDE) solicitou o noso apoio para realizar por vez primeira, co apoio da Deputación da Coruña, un certame de recreación fotográfica, no que publicamos unha serie de fotografías antigas da Coruña animando á xente a facer a mesma toma na actualidade.

Deste xeito ademais dunha actividade lúdica, consistente en buscar o sitio actual, moitas veces complicado, invitábamos á reflexión sobre a evolución da cidade coas suas melloras e as súas desfeitas.

Froito da primeira edición fixóse unha modesta publicación e editamos un pequeno libriño de peto.

Nos anos seguintes repetimos a publicación en internet das fotografías, arredor dunhas vinte cada ano.

Agora ao remate de 2017 plantexamos a mesma idea de animar a meditar sobre o pasado, presente e futuro da cidade a través das fotografías, e realizar de novo un libro coas 30 mellores fotografías en branco e negro, que mais gosten aos socios e simpatizantes.

Queremos contar coa vosa participación, enviando a vosa foto favorita de calquera espazo da cidade anterior a 1970 ao noso correo sepia@palaestra.net

Podes escoller calquera foto que teñas ou ben elexir algunha das que estivemos poñendo estes anos pasados ou mirar as que publica oo grupo coruña onte e hoxe no facebook (PREME). Tamén podes engadila como resposta ao noso propio espazo en facebook @AsociacionPalaestra (PREME)

Hai de prazo ata o 30 de novembro. As fotos con mais "gustames" no facebook serán as publicadas.

En cada foto engadiremos un pequeno texto de historia, para axudar a comprender os cambios acontecidos na nosa cidade.

Castelo de Vimianzo

Sáb, 04/11/2017 - 03:59
O castelo de Vimianzo, tamén chamado torres de Martelo, é unha fortificación de orixe medieval situada en Vimianzo, que acolle unha mostra permanente de artesanía popular.

Conserva partes do século XIII, aínda que a maioría pertencen aos séculos XIV e XV. O edificio ten planta poligonal irregular adaptándose ao terreo. Componse de tres torres defensivas rectangulares ao redor dun patio de armas ademais da torre da homenaxe, coas súas voadas ameas. As ameas en punta de diamante que antes rodeaban a totalidade do castelo só se conservan na Torre da Homenaxe e no paseo dun dos muros. O seu perímetro está rodeado na súa totalidade por un profundo foso. Tamén conserva o camiño de ronda e no portalón de entrada ao patio pódese velo escudo con cabeza de lobo dos Moscoso.

A proximidade da fortaleza á costa permitíalle controlar as rotas comerciais do mar do Norte, os negocios da sardiña e do sal e os botíns dos barcos que naufragaban nestas costas.

Construído entre finais do século XII e principios do XIII, posiblemente pola familia Mariño de Lobeira. Desta primeira construción apenas queda ningún vestixio, pese a que escavacións
arqueolóxicas levadas a cabo na década dos oitenta descubriron os cimentos dunha gran torre no actual patio de armas.

No ano 1348 o rei Afonso XI confiscou esta fortaleza a Roi Soga Mariño de Lobeira, para venderlla ao arcebispo compostelán Xoan García de Manrique. Pasou despois a mans do duque de Arjona, Fadrique Enriquez e calcúlase que entre 1425 e 1429 pasou por primeira vez a formar parte das propiedades dos Moscoso.

A familia dos Moscoso foi unha liñaxe moi destacada que tiña o seu centro de acción nas terras de
Compostela. Precisamente, co Arcebispado chegarán a ter varios conflitos, un dos de máis sona a prisión do bispo Alonso de Fonseca e Acevedo. O señor Bernal Eáns de Moscoso, como vinganza porque a mitra lle restase poder, meterá nunha gaiola ao bispo e levarao desde Noia ao castelo de Vimianzo. Dise que até foi pendurado dunha cheminea! O secuestro de Alonso durou máis de dous anos, cando finalmente será liberado tras unha guerra a cambio do seu desterro a Redondela. Poucos meses despois deste feito, en 1467, prodúcese un feito decisivo na historia de Galicia e do Castelo, o que se coñece como a Guerra Irmandiña. O pobo cansado pola presión económica exercida polos señores feudais e polos abusos e violencia exercidos sobre eles, decide tomar ao asalto as fortalezas. Este acontecemento vai provocar a fuxida de toda a gran nobreza galega cara a Castela e Portugal, sendo destruídas ou seriamente danadas a maioría das fortificacións existentes. O mesmo lle aconteceu ao Castelo de Vimianzo, que será tomado ao asalto. Actualmente, o primeiro sábado de xullo, celébrase unha festa que lembra este feito histórico.

A rebelión non durou moito. Os nobres escapados reorganizáronse en Portugal e Castela e, coa axuda da aristocracia local, emprenderon a recuperación das súas posesións no ano 1469. Coa caída dos irmandiños curiosamente será o bispo Alonso de Fonseca e Acevedo, quen estivera preso en Vimianzo o que ordena a reconstrución do Castelo. Porén, uns anos máis tarde, un dos Moscoso, Lopo Sanches de Moscoso, autoproclamado primeiro Conde de Altamira, recuperará Vimianzo pola
forza das armas.

A partir deste momento será o centro da xurisdición señorial de Vimianzo, con dominio sobre Camariñas, Laxe, Zas e Muxía. Dende século XVI co traslado dos Altamira a corte administrarán as súas posesións os alcaides ou meriños.

En 1833 suprímense as xurisdicións señoriais e so Altamira venden o castelo en 1870 a Ramón
Martelo Núñez.

A última gran reforma foi realizada no século XIX por Evaristo Martelo Paumán, Marqués de Almeiras, xa que nesta época o castelo estaba en bastante mal estado polo que acometeu obras para facelo habitable. Posteriormente a súa filla, Dolores Martelo de la Maza, solteira e sen descendencia, cedeu a fortaleza, ironías do destino ao Arcebispado de Santiago, que tanto puxara por el en tempos pretéritos.

En 1936, pouco antes do comezo da guerra civil española, iniciárase un expediente de expropiación do castelo que só se puido facer de xeito simbólico polo entón alcalde republicano Manuel Alborés e o secretario municipal Andrés García Ferreiro. Finalmente en 1973 foi comprado pola Deputación da Coruña, que o acondicionou para a súa visita.

No castelo de Vimianzo podemos ver varios escudos de armas. A maior parte deles pertencen á época en que Martelo reformou o castelo. A cabeza arrincada de lobo orientada cara á dereita cos regueiros de sangue, representa aos Moscoso. Os roeis identifican a familia Castro e os caldeiros son dos Lara.

Pedro Osorio

Ven, 03/11/2017 - 03:45
Pedro Osorio de Villalobos, señor de Navia, Burón e Val de Lourenzá, foi un nobre galego que foi xefe da Irmandade no centro de Galicia, en especial no señorío de Santiago, onde participou activamente na destrución do castelo de Rocha Forte.

Era o quinto fillo de Pedro Álvarez Osorio, señor de Villalobos e primeiro conde de Trastámara, que faleceu despois do cerco de Santiago de Compostela. Por matrimonio estaba vinculado á familia dos Moscoso.

Foi derrotado por Pedro Madruga na Almáciga, ás portas de Compostela, e en 1469 quedou preso por Diego de Andrade en Pontedeume onde morreu.

Tivo catro fillos do seu matrimonio con Urraca de Moscoso; Afonso Osorio de Moscoso (que morreu de peste en 1496 en Flandres), Bernal Yáñez de Moscoso, Rodrigo Osorio de Moscoso, segundo conde de Altamira finado o 15 de xaneiro de 1510 en Orán e Álvaro Osorio de Moscoso, dominico bispo de Astorga.

Xa comentamos que curiosamente un dos seus fillos, Rodrigo, casou con Tereixa de Haro e Andrade, filla do seu captor Diego de Andrade.

Aforismos de Leonardo

Xov, 02/11/2017 - 12:59
303.- b) Os que teñen os trazos faciais moi pronunciados en relevo e profundidade, son homes bestiais, iracundos e de escaso entendemento.